Sunday 28 de April de 2024

A Pobra alzará a voz durante todo o mes de marzo polos dereitos da muller


“A miña avoa loitando; Ai, a miña nai tamén; Todas polos seus dereitos; Aquí sigo eu tamén.” “Se berramos polas rúas; É polos nosos dereitos; Alcemos tódalas voces; Que soen no mundo enteiro.” “Mulleres na loita, mulleres loitando; Que as nosas voces, ai, cheguen moi alto.” Estes son algúns dos lemas que se escoitarán polas rúas da Pobra do Caramiñal no 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

A Concellaría da Igualdade convoca para esa tarde unha manifestación que partirá ás 19.00 horas da praza Alcalde Segundo Durán para concluír na casa consistorial, onde se dará lectura a un manifesto e cánticos coa Asociación Cultural Eiradela. Convídase a que as persoas asistentes traian consigo unha pandeireta, cunchas ou outros instrumentos propios da música tradicional para que as reivindicacións dos dereitos da muller se fagan notar durante o seu percorrido polo núcleo urbano.

Xa pola mañá se promove unha andaina pola igualdade a partir das 12.00 horas orientada a alumnado de 1º e 2º da ESO do instituto e do CPR Divino Maestro que se iniciará nos centros de ensino para concluír na praza Alcalde Segundo Durán tamén coa lectura dun manifesto e a reivindicación dos dereitos laborais das mulleres. O Concello proporcionará panos de cor morada.

Isto é un exemplo do papel fundamental que xoga o ámbito educativo na programación que se estende a todo o mes de marzo, pois, nas palabras da concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, “cremos que dende a educación é dende onde se debe traballar para conseguir unha sociedade máis igualitaria. Temos actividades que abranguen tódolos grupos de idade, dende infantil ata o instituto.” Así, as accións artéllanse arredor da muller no deporte e na música tradicional. No acto de presentación tamén participaron a axente da igualdade, Carolina Rodríguez; a asesora xurídica á muller, María Pérez; e Mariló Ríos, en representación da A. C. Eiradela.

O cartel arranca xa coa novena edición das Xornadas Muller e Ciencia que terá lugar no sábado 2. Dúas conferencias centradas no deporte e nos microplásticos impartiranse, de 18.00 a 20.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán a cargo de profesionais das materias. Tamén se dispón de obradoiro de conciliación para facilita-la asistencia.

No período comprendido entre os días 4 e 8, Loida Fernández ofrecerá contacontos de monicreques a escolares da infantil para traballar o apoderamento das mulleres, corresponsabilidade nas tarefas do fogar e a ruptura de modelos tradicionais entre mulleres e homes.

Integrantes da Asociación Cultural Eiradela farán un itinerario no mércores 6 por espazos do centro da localidade como, por exemplo, os Xardíns de Valle-Inclán, a praza de Maura, o Cantón da Leña ou a praza de abastos para repartir material divulgativo coa convocatoria da manifestación do 8-M, no que tamén figuran os cánticos reivindicativos que soarán nese día.

A medallista internacional na modalidade de parakarate, Cristy Tojo, dará charlas sobre muller e deporte do 11 ao 13 de marzo aos distintos cursos do CEP Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra.

E tamén se adianta que se ofertará un curso de autodefensa para o sábado 23, dende as 10.30 ata as 13.30 horas, no polideportivo municipal de Venecia. Haberá, así mesmo, obradoiro de conciliación para poder asistir.